Emblema da Cooperación cos concellos

Fondo cabecera Cooperación cos concellos

Presentación

A asistencia e cooperación cos Concellos constitúe un eixo estratéxico da actuación deste Goberno provincial. A Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, que dirixe o Deputado Juan José Díaz Valiño, está integrada polos Servizos de Asistencia e de Cooperación cos Concellos. Dende este departamento trabállase por impulsar medidas de xestión que favorezan ós municipios, complementando a aqueles que teñen dificultades para prestar os servizos que demanda a cidadanía. Deste xeito, tamén se tramitan as actividades incluídas nos Plans de cooperación con comunidades veciñais e convenios para a realización de obras e actividades con outras administracións públicas, así como a contratación de todos os servizos ou subministros para os diversos departamentos da Deputación.

O ordenamento local foi situando ás Deputacións Provinciais como entidades supramunicipais ás que, ademais de recoñecerlles un ámbito de intereses propios no que se concreta a garantía institucional que toda organización precisa para ser socialmente recoñecible, lles atribúe como misión fundamental a de garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal. O obxectivo neste eido é asegurar a prestación integral e axeitada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal.

A Deputación debe asumir, como finalidade institucional básica, ser o soporte da asistencia e cooperación cos Concellos (así se recolle na Declaración de Lugo da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP do 7 de novembro de 2008) de cara a garantir a prestación integral dos servizos públicos de proximidade, que tan decisivamente determinan a calidade de vida dos cidadáns.

As relacións de cooperación e colaboración deben estar presididas polo mutuo recoñecemento entre iguais, principio do que emana a cláusula de participación como condición, entre outras, para unha democracia de calidade.

Para esta democracia son ferramentas inestimables o diálogo e a concertación que deben animar a nosa acción pública, na que o resultante debe estar sempre presidido pola suma de esforzos.

A articulación da cooperación como instrumento das políticas públicas dos entes locais dun determinado territorio, demanda unha nova visión da provincia que, superando o vello principio de xerarquía entre Concellos e Deputacións, a configure como rede de municipios. Trátase dunha rede na que a Deputación e os Concellos se recoñecen mutuamente como partícipes en pé de igualdade na consecución dos fins públicos para os que naceron.

Nesta perspectiva, o Servizo de Asistencia e Cooperación cos Concellos configúrase como un instrumento fundamental, e ao que queremos dedicar os nosos maiores esforzos.

Hoxe, a Deputación de Lugo acredita unha firme e decidida vontade política de reforzar e ampliar os servizos de asistencia de cooperación cos Concellos, como se recolle no Regulamento do servizo.

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Cooperación e Asistencia ós Concellos
Ronda da Muralla N°140 – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 227 812 | Fax: 982 240 409
E-mail: cooperacion@deputacionlugo.org