Emblema da Cooperación cos concellos

Fondo cabecera Cooperación cos concellos

Actualidade

A Deputación aforrou 800.000 euros ós Concellos nos tres anos de novo servizo da área de Recursos Humanos

O Presidente salientou na clausura do III Encontro de Cooperación que este é o gasto que suporía ás arcas municipais a contratación externa do servizo integral de xestión dos recursos humanos que ofrece, sen custe algún, a institución provincial

Besteiro avogou por un novo marco normativo e financieiro máis estable para combater o abusivo emprego da contratación temporal que é do 70% nas entidades locais lucenses

Máis de 200 persoas, entre Alcaldes, Concelleiros, traballadores públicos, avogados, representantes sindicais, graduados sociais e estudantes participaron na xornada que contou coa lección maxistral da ex Presidente do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas

A Deputación aforrou 800.000 euros ós Concellos nos tres anos de novo servizo da área de Recursos Humanos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este martes o III Encontro de Cooperación cos Concellos no que a ex Presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, xunto a outros especialistas, abordaron a problemática suscitada nas administracións locais debido ó emprego abusivo da contratación temporal. Este sistema representa o 70% dos contratos de traballo nos Concellos lugueses. Segundo os expertos, unha das causas desta situación é a falta de información e de persoal especializado. Gómez Besteiro salientou que a responsabilidade da Deputación a este respecto, é poñer ó servizo dos 67 municipios da provincia os instrumentos necesarios para a óptima xestión dos Recursos Humanos. ¿Este instrumento non pode ser outro que un servizo de alta especialización. E iso e o que fixemos. Podo dicir que o servizo de Recursos Humanos da Deputación de Lugo dispón de profesionais especializados, cunha ampla experiencia e coa mellor das disposicións para cooperar con todos os Concellos cun nivel de calidade moi superior ó que poden ofrecer as consultoras externas¿, subliñou.

O titular provincial indicou que o organismo provincial está en disposición de prestar ós Concellos un servizo integral de xestión dos recursos humanos de alta especialización e capacidade profesional. Por este motivo, subliñou, ¿non hai que buscar solucións fóra. Non hai que inventar novos organismos ou agrupacións. Contanos cun nivel de goberno local intermedio ó servizo da intermunicipalidade na provincia. Temos os medios persoais e materiais para cooperar con Concellos neste campo. Temos a vontade política e a obriga institucional de facelo. Pero ademais, cremos no que facemos. Isto non é un proxecto ou unha mera declaración programática, isto é o que vimos facendo nos derradeiros anos¿.

Deste xeito, Besteiro destacou que a Deputación estivo presente nos 63 Concellos que solicitaron a colaboración do departamento de Recursos Humanos da institución e para os que se elaboraron Plans de Ordenación de Recursos Humanos, de Consolidación de Emprego Temporal, de Funcionarización, Relacións de Postos de Traballo, Colaboracións nos procesos de seleccións ou Asesoramentos técnico. Ademais, tamén se lles ofreceu xestión na selección do persoal, un servizo de confección de nóminas e contratos de traballo, e asistencia en materia de resolucións de consultas, informes e defensa letrada. Todo isto supuxo, un aforro para as arcas municipais de 800.000 euros nos tres anos destes novos servizos, ó evitarlles contratacións externas.

Demandas: novo marco legal e financieiro

O Presidente fixo fincapé no feito de que se considere ós Concellos como ¿o maior empregador ou a empresa máis importante. Isto obríganos a todos a abordar a problemática do emprego público con especial responsabilidade e profesionalidade. De ser isto certo, a situación demanda un marco normativo axeitado e un marco financieiro máis estable, menos condicionado, máis respetuoso e con autonomía local. Despois de máis de 4 anos de vixencia do Estatuto do Empregado Público, no que se interioriza a función pública local no ámbito competencial autonómico, é máis necesario ca nunca promover unha Lei Galega da Función Pública que desenvolva as previsións do Estatuto Básico¿.

Gómez Besteiro demandou ademais, a reconsideración das políticas de financiación local por medio de subvencións que veñen estimulando ós Concellos a abordar programas de gasto e contratación de persoal laboral temporal sen responder as súas prioridades municipais. ¿Cando menos o 75% do que actualmente se transfire para gastos correntes ós Concellos por medio de subvencións de convocatoria anual, debería adicarse a incrementar o Fondo do Cooperación Local, de cuxo destino deben responsabilizarse os Goberno locais, con plena autonomía e do que, loxicamente, debemos rendir cumprida conta¿, salientou.

O Presidente sentenciou que ¿pensamos que a xestión dos Recursos Humanos non debe ser unha arma política ó servizo dos Gobernos locais, senón un medio ó servizo dos cidadáns. A profesionalización da mesma e a súa neutralidade política constitúen principios irrenunciables. Esta casa, que é a vosa, a de todos os Alcaldes, Concelleiros e empregados locais, non ten sentido senón se constitúe como instrumento ó servizo dos Concellos, que é tanto como dicir ó servizo das políticas locais programadas e decidas polos Gobernos locais de cada municipio, municipios dos que a provincia non debe ser nin máis, pero tampouco menos, que a expresión institucional da súa agrupación, para entre todos servir mellor ós lucenses¿.

María Emilia Casas

A ex Presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, que ofreceu unha lección maxistral titulada Presente e Futuro do Dereito do Traballo, explicou que o Dereito do Traballo é un produto histórico froito dunha evolución histórica, que xurdiu en Europa debido á revolución liberal e á industrial, cun concepto do traballador masculino, procedente do rural, sen necesidade de formación, non necesariamente adulto, cun contrato indefinido a tempo completo, que ascende tamén indefinidamente na empresa da que non cambia e que non se xubila aínda que, no caso de facelo, é por pouco tempo debido á esperanza de idade. Casas salientou que foi na década dos 80 cando entrou en vigor o Estatuto do Traballador cuxos títulos foron sufrindo continuos cambios. Entre eles, introduciuse o concepto de flexibilidade, dando paso ós contratos temporais que, segundo subliñou a Maxistrada, ¿non só actúan contra o emprego favorecendo o desemprego, senón que tamén van en contra da formación dos traballadores e, polo tanto, da produtividade das empresas¿. Na actualidade, a tasa de temporalidade en España é do 26%, o dobre ca media europea.

Casas abogou porque no futuro o Dereito de Traballo observa a Constitución e o Dereito da Unión Europea e salientou que ¿debemos acostumarnos ós cambios pero pensando nun dereito acomodado ás necesidades que quenes traballan e non traballan, distinto ó actual no que se refire ás modalidades de contratación¿.

María Emilia Casas, monfortina nada en 1950, foi catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Facultade de Dereito da Universidade Complutense de Madrid, e vicerreitora da Universidade Carlos III. O 16 de decembro de 1998 foi elixida Maxistrada do Tribunal Constitucional e en 2004 foi nomeada presidenta, converténdose deste xeito na primeira muller en acceder a tal maxistratura. En xaneiro de 2011 colleulle o relevo Pascual Sala á fronte do TC. O pasado mes de abril, o Consello de Ministros condecorou a María Emilia Casas coa Gran Cruz da Real e Distinguida Orde Española de Carlos III en recoñecemento á súa labor á fronte desta institución, un galardón que se suma a outros como a Medalla da Orde do Mérito Constitucional ou o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio.

Éxito de convocatoria

Máis de 200 persoas, entre Alcaldes, Concelleiros, traballadores públicos, representantes sindicais, avogados laboristas, graduados sociais, así como estudantes da materia de Dereito do Traballo II na Escola Universitaria de Relacións Laborais, encheron o Salón de Actos do Pazo provincial onde se desenvolveu a xornada, así como o de Plenos onde se puido seguir en directo. Ademais de María Emilia Casas, participaron no Encontro o Maxistrado do Xulgado do Social Nº1 de Lugo, Fernando Fernández Olmedo, o Xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo, Nicolás González Raposo e o avogado Jesús Amarelo Fernández, xunto a traballadores do organismo provincial. Todos eles abordaron os problemas que están a conlevar o emprego abusivo da contratación laboral: :

1.- Un problema persoal debido a situación de falta de estabilidade que sofren o 70% dos traballadores das administracións locais da provincia ó ter este tipo de contrato.

2.- Un problema xurídico ou legal pola inadecuación dos contratos para determinados servizos nas administracións locais lucenses. Na provincia contabilízanse ó ano ó redor de 100 demandas a este respecto no Xulgado do social.

3.- Un problema económico como consecuencia de ditas contratacións irregulares que obrigan ós Concellos a pagar ó redor de 500.000 euros ó ano.

Sons

Información sobre el documento

Cooperación e Asistencia ós Concellos
Ronda da Muralla N°140 – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 227 812 | Fax: 982 240 409
E-mail: cooperacion@deputacionlugo.org