Emblema da Cooperación cos concellos

Fondo cabecera Cooperación cos concellos

Actualidade

18 Concellos da Ulloa e da Zona Sur terán en agosto conexión wifi en prazas e consistorios co Innova-TE da Deputación

Álvaro Santos mantivo un encontro con técnicos municipais dos 21 Concellos da zona centro e da Montaña luguesa onde a institución porá en marcha a continuación estas actuacións, incluídas nun paquete de 8 servizos tecnolóxicos

A vindeira semana, o organismo provincial fará o mesmo na Mariña, arrancando estes traballos nos 48 municipios do Innova-TE que os solicitaron ¿todos menos Foz- ós que a Deputación lles aforra 2 millóns de euros, asumindo todos os custes con fondos europeos

Ademais de dotacións técnicas -como a rede wifi, mellora da calidade da banda longa ou a creación e actualización de páxinas web- as entidades locais terán á súa disposición un equipo de 12 profesionais para resolver dúbidas e darlles información e asesoramento sobre as TIC

FOTO 18 Concellos da Ulloa e da Zona Sur terán en agosto conexión wifi en prazas e consistorios co Innova-TE da Deputación

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, adiantou este mércores que a Deputación está a piques de culminar os traballos de dotación de prazas wifi e conexión a Internet en consistorios, nos 18 Concellos da Ulloa e Zona Sur que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. Santos Ramos avanzou que en agosto Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela, contarán en ditos espazos con conexión á Rede libre e totalmente gratuíta grazas ós fondos europeos do programa tecnolóxico do organismo provincial.

A Deputación xa habilitou en cada un destes Concellos 3 puntos de conexión a Internet: 2 en prazas consistoriais e 1 no interior das propias casas consistoriais, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. Isto permitirá que os veciños destas localidades dispoñan de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil: ben un ordenador portátil, PDA ou teléfono, a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.

O Deputado remarcou a boa acollida que este tipo de servizo ten entre a cidadanía, poñendo como exemplo o propio acceso wifi que a Deputación puxo en marcha na praza e nos xardíns de San Marcos. Dende hai un ano, unhas 54.000 persoas utilizaron a rede, cunha media diaria de 150 usuarios, o que pon de manifesto ou seu éxito. Rexistráronse entradas en 8,5 millóns de espazos web, cunha media de 23.000 páxinas ó día.

Outros 21 Concellos

Santos Ramos fixo este anuncio durante o encontro que, xunto ó Director de Fondos Europeos, Pablo Rivera Capón, mantivo este mércores con técnicos municipais doutros 21 Concellos da provincia onde, unha vez que a institución remate coas actuacións que executa na Ulloa e no Sur lugués, porá en marcha estes mesmos traballos, incluídos no novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos do Innova-TE. Estes municipios son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Rábade e Ribeira de Piquín.

O Deputado destacou que a implantación destas prestacións, cuxos custes asume na súa totalidade o organismo provincial con fondos europeos, aforrando a cada municipio uns 35.000 euros, é dicir, uns 2 millóns de euros en total, ¿permitirán optimizar o traballo municipal e, en consecuencia, prestar unha mellor e máis áxil atención ós cidadáns, ademais de mellorar a calidade de vida dos veciños¿, subliñou o Deputado. E é que, ademais da dotación de wifi en prazas e consistorios, a institución luguesa leva a cabo as seguintes actuacións:

- Mellora da calidade do servizo de banda longa.

- Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.

- Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.

- Servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que prestarán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da Administración Electrónica e sacarlle o máximo partido.

- Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.

- Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.

- Realización dunha auditoría sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase do Innova-TE co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.

Formación e asesoramento personalizados

A Deputación non só ofrece dotacións técnicas ¿que deberán estar instaladas antes de final de ano-, senón que incorpora un importante equipo humano, composto por unha ducia de profesionais, que, durante un ano, estarán a disposición dos Concellos para resolver dúbidas e darlles formación e asesoramento personalizado co obxectivo de fomentalo uso de todas aplicacións proporcionadas e as TIC en xeral, ademais de garantir o seu correcto funcionamento, e sacarlle o máximo partido. Co mesmo obxectivo de garantir a operatividade dos proxectos e manter unha relación fluída coa institución luguesa, os Concellos nomearon un interlocutor ou técnico, que será a persoa coa que se planificarán e coordinarán todas as actuacións a realizar.

9 municipios da Costa

Ó igual que hoxe a institución celebrou no Pazo de San Marcos a xornada informativa coa que pon en marcha a implantación deste novo paquete tecnolóxico nos Concellos da zona centro e da Montaña adheridos ó Innova-TE, a vindeira semana, a Deputación manterá un encontro con técnicos municipais da Mariña para facer o mesmo. Deste xeito, o organismo provincial arrancará estas actuacións en todos os Concellos do Innova-TE que solicitaron estas actuacións. Son todos menos Foz, sumando 48, ós que a Deputación aforra 2 millóns de euros. Trátanse de: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

Os municipios que se negaron a entrar no proxecto tecnolóxico da Deputación, que ofrece novos servizos ós cidadáns a custe cero para as arcas municipais, son os seguintes: Antas de Ulla, Alfoz, Bóveda, Barreiros, Cospeito, O Courel, Ourol, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Trabada, Xermade, O Valadouro, Pantón, Guntín, Vilalba e Paradela. Polo que respecta ó Concello de Foz, a pesar de terse adherido nun principio ó plan, rexeitou o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que lle ofreceu gratuitamente a Deputación, e que comezan hoxe a implantarse na Ulloa e na Zona Sur.

Información sobre el documento

Cooperación e Asistencia ós Concellos
Ronda da Muralla N°140 – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 227 812 | Fax: 982 240 409
E-mail: cooperacion@deputacionlugo.org